DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase de Tania Álvarez (piragüismo), Marta Domínguez (squash) e Mateo Rodríguez (orientación)

Tres deportistas da UVigo, ante o reto de asentarse na elite mundial

Foron os primeiros seleccionados nunha nova convocatoria de axudas da institución

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 06/03/2024

Participar en competicións internacionais e loitar por medallas é a máxima aspiración de calquera deportista, un reto que require moitas horas de traballo e tamén dun esforzo económico. Para axudarlles nese obxectivo, a Universidade de Vigo impulsaba por primeira vez no presente curso unha convocatoria de axudas para apoiar a deportistas universitarios de elite na preparación de competicións internacionais oficiais, no ámbito federado e universitario. Como recolle a súa convocatoria, estas axudas tiñan por obxecto apoiar aos universitarios e universitarias que durante o 2024 opten a participar en campionatos mundiais universitarios ou en competicións europeas e mundiais no ámbito do deporte federado, e que á súa vez contribúen “á proxección internacional dos valores e obxectivos propios da Universidade de Vigo”. Cunha dotación económica de 1500 euros para un máximo de tres seleccionados e seleccionadas, os beneficiarios desta primeira edición son tres estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Trátase da investigadora predoutoral e piragüista Tania Álvarez, que en 2022 se proclamaba campioa do mundo na modalidade de maratón; da xogadora de squash Marta Domínguez, quen lograba recentemente o seu segundo campionato de España absoluto; e do corredor de orientación Mateo Rodríguez, quen suma dous subcampionatos de España na categoría de deportistas de ata 18 anos.

Un total de 16 deportistas de alto nivel optaron a unhas axudas destinadas “a financiar os custes de asistencia a competicións mundiais, europeas ou nacionais”, como sinalan desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade. Para a súa concesión, a comisión avaliadora tivo en conta tanto os logros deportivos dos candidatos e candidatas nos anos 2022 e 2023, como o seu “proxecto deportivo de preparación, avalado pola federación correspondente”, para este ano.

O reto de volver ser campioa do mundo

Despois de sumar un bronce e dúas pratas no Campionato de Mundo de Maratón, Tania Álvarez Yates e a súa compañeira de embarcación, Tania Fernández, lograban en 2022 proclamarse campioas do mundo en K2 na distancia de maratón, un percorrido 26,2 quilómetros. O pasado ano, quedaron a só 43 centésimas de repetir ese ouro mundial que é precisamente o reto co que Álvarez encara a presente tempada. “Somos conscientes de que é un obxectivo ambicioso, pero alcanzable”, sinala a investigadora, que suma xunto a Fernández, egresada da Facultade de Fisioterapia, sete medallas en campionatos mundiais e europeos. A estas engaden á súa vez outra serie de éxitos como o “ansiado” ouro que lograron en 2023 no Descenso Internacional do Sella, tras moitos anos rematando segundas.

Álvarez Yates destaca como “unha iniciativa moi positiva” esta convocatoria de axudas da UVigo, xa que “para deportistas coma min, de modalidades non olímpicas, este tipo de apoios son moi importantes”. Como deportista de alto nivel, obtén axudas da Federación Española de Piragüismo e da Xunta de Galicia, aínda que nestas, lamenta, existe unha “fenda moi grande entre as modalidades olímpicas e non olímpicas”, así como da Deputación de Pontevedra. “A vida do deportista non é fácil e aínda menos se queres compatibilizala coa túa vida académica”, engade a kaiakista do CMCD Breogán, que compaxina as tarefas de investigación para a súa tese de doutoramento e as súas obrigas como profesora na facultade cos adestramentos e competicións. “Sempre digo que a clave é a organización”, recoñece, ao tempo que admite que “hai días complicados nos que hai que dar prioridades”. 

O obxectivo de situarse entre as 50 mellores do mundo

“Compaxinar os estudos do deporte non é doado, polo que esta axuda é un recoñecemento ao noso traballo diario e un empuxe para participar en competicións”, engade Marta Domínguez, que afronta a súa terceira tempada no circuíto profesional de squash. “Ser xogadora profesional nun deporte minoritario require dun esforzo engadido”, recoñece unha deportista que ocupa actualmente o posto 62 no ránking mundial PSA. Para iso, lembra é preciso participar en torneos “por todo o mundo” e de aí a importancia que outorga o apoio económico que recibe tanto da UVigo como de Consejo Superior de Deportes (CSD), Xunta, Deputación, Concello de Vigo e Plan Social de Ence. 

Tras graduarse en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Domínguez Fernández realiza este curso o mestrado de Profesorado. Uns meses antes, convertíase na primeira estudante da UVigo en lograr unha medalla no Campionato do Mundo Universitario de Squash. De feito, entre os seus obxectivos para 2024 figura tratar de mellorar o terceiro posto acadado entón no torneo que terá lugar en África do Sur, “xa que será a última vez que poderei participar”. Alén disto, Domínguez iniciou o ano conseguindo a primeira das metas que se fixara, ao proclamarse campioa de España absoluta por segunda vez o pasado 11 de febreiro. Por diante, quedan retos como tratar de subir ao podio no campionato de Europa, despois de rematar cuarta en 2022, ou volver participar no Campionato do Mundo, así como seguir sumando puntos de cara a mellorar a súa posición no ránking PSA, coa meta de tratar de situarse entre as 50 mellores xogadoras do mundo. 

Facerse un oco entre os mellores de España 

“A orientación é un deporte ao aire libre que consiste en realizar un percorrido cronometrado seguindo unha serie de puntos, chamados balizas ou controis, no menor tempo posible, axudado dun mapa ou compás”, explica Mateo Rodríguez dun deporte que probou por primeira vez con once anos e do que destaca a combinación dunha compoñente física con outra “moito máis importante”, a cognitiva. “A partir de aí comecei a ir a máis carreiras para seguir aprendendo e mellorando”, engade o deportista do club Aromon, que a pasada tempada lograba proclamarse subcampión de España de orientación en categoría M18, tanto en distancia longa como en sprint, ademais de acadar nesta última o décimo posto no Campionato de Europa Júnior.

Rodríguez Díaz afronta 2024 co “principal obxectivo” de clasificarse para o Campionato do Mundo Júnior, así como de rematar entre os tres primeiros nas tres distancias (longa, media e sprint) do Campionato de España e no ránking da liga española. Faino tamén sendo consciente das dificultades que implicará compaxinar adestramentos e competicións cos estudos en Ciencias da Actividade Física e do Deporte que iniciaba en setembro, o que lévao a incidir na necesidade de “aproveitar o tempo ao máximo”, mais tamén a recoñecer que haberá momentos nos que “tes que dar prioridade aos estudos, xa que é o máis importante”. De aí que incida en que axudas como a que lle outorga a UVigo contribúen a “aumentar a motivación e compromiso”, así como a “cubrir gastos como as viaxes a competicións ou o material de adestramento”, xunto ás bolsas que lle conceden Xunta, Deputación e Concello de Vigo e ás axudas da Federación Galega de Orientación e do seu club.