DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverá no CIM un proxecto sobre a conectividade fluvial en escenarios de escaseza de datos

A UVigo incorpora, grazas ao Programa Atrae, o catedrático Carlos García de Leaniz, un dos maiores expertos do mundo en salmónidos

É o único dos 30 científicos seleccionados que recala nunha universidade galega

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HRS4R
  • Investigación
  • Visitas
  • Investigación
M. Del Río DUVI 24/04/2024

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo contará durante os próximos catros anos cunha valiosa incorporación, a do catedrático Carlos García de Leaniz, un dos maiores expertos do mundo en salmónidos. O científico madrileño unirase de xeito oficial á Universidade de Vigo o vindeiro mes de outubro tras ser seleccionado na primeira convocatoria do programa Atrae, unha iniciativa do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades para achegar captar consolidado para o sistema nacional de I+D. Nesta primeira edición seleccionáronse 15 científicos españois e outros 15 estranxeiros, que recibirán unha axuda de preto dun millón de euros para desenvolver unha liña de investigación en España. Deles, só dous recalarán en Galicia, García de Leaniz na UVigo e outra investigadora no Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC de Vigo.

O orzamento total que recibirá García de Leaniz para os catro anos (978.800€) inclúe tanto a compra de material, como a contratación de persoal e o seu propio soldo, polo que este novo programa do Ministerio supón para as universidades e os organismos de investigación unha oportunidade única para atraer talento e reforzar a súa competitividade. 

Regreso a España tras toda unha carreira no estranxeiro

Para prepara a súa incorporación o vindeiro curso á UVigo, o profesor Carlos García de Leaniz visitou a comezos deste ano o campus e as instalacións da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla para coñecer tanto os laboratorios como os equipos humanos do CIM. O feito de ter escollido Galicia, e Vigo en concreto, non é casual, explicaba nesta visita, xa que ao longo dos anos desenvolveu varias colaboracións con grupos de investigación da UVigo, como o da profesora Paloma Morán. “Traballo en ecoloxía fluvial e bioloxía mariña e aquí danse unhas condicións, facilidades e instalacións moi interesantes”, explicaba, e despois de tanto anos no estranxeiro “é hora de contribuír aquí coas cousas que aprendín e isto faime moitísima ilusión”. E é que aínda que tivo unha breve estadía no CIF Lourizan para coordinar el Programa de Restauración del Salmón del Atlántico en Galicia, a maior parte da súa carreira transcorreu fóra de España. Comezou os seus estudos de Bioloxía na Universidade de Navarra, pero rematou a licenciatura na Universidade de Victoria en Canadá. O doutoramento realizouno na Universidad de Aberdeen e o posdoutoramento na de Glasgow. Tras o regreso temporal a España, a Lourizán e ao Centro Ictiológico de Arredondo, en Cantabria, estivo tamén un ano no Instituto de Zooloxía de Londres, pero xa en 2004 se estableceu definitivamente na Universidade de Swansea, en Gales. Alí exerce como profesor de Biociencias Acuáticas e director do Centro de Investigación Acuática Sostible (CSAR) e especializouse nos impactos da acuicultura, a ecoloxía do comportamento, a ecoloxía da conservación, o benestar dos peixes e as especies invasoras. Actualmente o seu traballo está centrado nos salmónidos como sistemas modelo para comprender como os organismos se adaptan e responden ao cambio.

Unha vez se incorpore á Universidade de Vigo porá en marcha un proxecto para optimizar a restauración da conectividade fluvial en escenarios de escaseza de datos. “O meu obxectivo é que este proxecto sexa o punto de partida para crear un grupo estable na UVigo nalgún campo complementario ás liñas que xa se están desenvolvendo do CIM, por exemplo, de restauración fluvial. Ese nexo entre o eido fluvial e o mariño sería moi interesante, é o que quero explorar”.

Que para facer mellorar na conectividade fluvial?

O proxecto que García de Leaniz e o seu equipo van desenvolver nos próximos catro anos xirará arredor dun dos obxectivos marcados pola Unión Europea aos Estados membros: eliminar as barreiras que fragmentan os ríos. Trátase dun reto moi ambicioso, xa que a esixencia da UE é lograr que 25.000 km de ríos sexan de fluxo libre, é dicir, que no seu curso non haxa obstáculos como presas, embalses, vaos, aliviadoiros, canles ou esclusas. “O noso proxecto sería un apoio a ese obxectivo político da UE que todos os Estados membros ten que cumprir”, explica o investigador, e centraríase en “saber como tomar decisións cando a información da que se dispón é deficiente e incompleta. Porque, como podemos reconectar os ríos cando non sabemos cantas barreiras hai?”, cuestiónase o científico. E ese o gran reto,  a imposibilidade de analizar cada km de cada río europeo para catalogar as barreiras. “As presas coñecémolas, porque son moi grandes, pero por cada presa pode haber outras dez barreiras físicas artificiais que non están catalogadas. Todas esas que, per cápita, o efecto e o impacto que ocasionan é menor co dunha presa, colectivamente son moito peores”. Lembra que nun proxecto previo, Amber, o seu equipo percorreu 1700 km de ríos andando en toda Europa e “comprobamos horrorizados que, por cada barreira que aparece nos inventarios oficiais, hai outra que non aparece, porque son pequenas, porque non se ven, porque non están declaradas ou porque son moi antigas, entre outros motivos”. Precisamente por iso, se se quere facer un inventario real e detallado, a única opción sería esa, percorrer os leitos fluviais na procura das barreiras, “algo carísimo,” destaca. A alternativa que se está a empregar é o uso de satélites ou aplicacións como Google Earth, que son de axuda, pero non fiables ao 100%, porque “xa comprobamos que hai unha porcentaxe de barreiras que tampouco detectan”. E aquí é onde xurde o dilema: hai barreiras que non se ven pero existen indicios que permiten sospeitar que están aí. Empregando intelixencia artificial poderíase determinar que hai, por exemplo, un 80% de probabilidades de que determinados indicios impliquen a presenza dunha barreira, “entón, que é preferible, estar totalmente seguros de que a barreira está aí e perder barreiras ou estar menos seguros e ter máis barreiras? Como se optimiza isto? Ese é o noso obxectivo con este proxecto,  optimizar a restauración da conectividade fluvial nun escenario de escaseza de datos”.

As barreiras non son só présas, nin son só para os salmóns

Na súa ampla experiencia catalogando as barreiras fluviais e o seu impacto nos ecosistemas, o profesor García de Leaniz desenvolveu o seu propio mantra: “nin todas as barreiras son presas nin todos os problemas son os do salmón”. Explica o científico que tradicionalmente “só as grandes presas se inventariaban e, dende o punto de vista de biodiversidade, só se tiña en conta o salmón, porque é unha especie emblemática, pero dáse a circunstancia de que tamén é a que ten máis capacidade de saltar esas barreiras. Así, o que non é unha barreira para o salmón éo para o 99% das demais especies pero, desafortunadamente, empregamos o limiar do salmón, que pode saltar a barreira, e deixamos de lado outros peixes con menos capacidade de salto ou os invertebrados”.

Pero ademais de impedir a mobilidade das especies, o científico tamén recalca que converter un sistema de auga que debe fluír nun sistema estancado ten outras moitas consecuencias, “como o aumento da sedimentación, o cambio da fauna do río e tamén o asolagamento de hábitats que moitas especies precisan para vivir". Por todo isto, o proxecto que Leaniz porá en marcha en Vigo é esencialmente multidisplinar, xa que abrangue moitos aspectos, non só biolóxicos, senón tamén relacionados cos sedimentos, coa calidade da auga e co eido social. O catedrático resalta este último aspecto, xa que “para facer mellorar a conectividade fluvial é fundamental o respaldo social, e este non se pode conseguir se non se traballa e se non se informa ben e adecuadamente á sociedade”. Ademais, tamén se poderá apoiar na ciencia  cidadá, por exemplo, a través da aplicación Barriertracker que está sendo usada en 36 países europeos e permite que a cidadanía (tanto pescadores, como xente que pasea, que vai en piragua, etc.) empregue esta ferramenta para localizar as barreiras que os inventarios oficiais non teñen rexistradas. O reto neste caso será, incide o investigador, “compaxinar estes datos cos rexistros oficiais, comprobar as achegas e evitar duplicados”, conclúe.