DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Biblioteca Universitaria elaborou un informe que abrangue o período entre 2013 e 2022

A UVigo publica en acceso aberto por riba da media das universidades españolas e da media europea

En 2022, o 69,13% dos artigos científicos da Universidade corresponderon a esta modalidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HRS4R
  • Investigación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 12/01/2024

Ano tras ano, as universidades de todo o mundo incrementan a porcentaxe de artigos científicos publicados en aberto, sumándose así a unha corrente que aposta polo acceso libre e sen barreiras económicas aos resultados da actividade investigadora. Para a Universidade de Vigo o acceso aberto tense convertido nunha prioridade, como se recolle no seu Plan Estratéxico e se traduce en cifras: unha evolución que vai do 27% de artigos en acceso aberto publicados en 2013 ao 69% do 2022, en liña coa porcentaxe do sistema universitario galego e por riba da media española, que se sitúa no 64%.

Estes datos están recollidos nun informe elaborado pola Biblioteca Universitaria no que se ofrece unha análise sobre as publicacións científicas da Universidade de Vigo en acceso aberto entre 2013 e 2022 a partir de datos procedentes de Web of Science. Segundo o estudo, o 46,25% dos documentos publicados pola UVigo neste período son artigos en revistas en acceso aberto ou postos a disposición da comunidade científica nalgún repositorio público. Atendendo á evolución por anos, o crecemento é moi significativo, xa que no 2022 a institución académica rexistrou un 69,13% de publicacións aberto, porcentaxe similar á do conxunto das universidades galegas (69,25%) e superior á media española (64,86%). O informe tamén permite comparar ese dato coa media mundial, que é do 48,23% en 2022 e coa media europea, do 62,22%, o que sitúa á UVigo por riba de ambos datos.

A vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, lembra que “xa hai varios anos que a Universidade de Vigo está facendo unha importante aposta pola Ciencia Aberta”, por exemplo uníndose dende 2020 á celebración da Semana do Acceso Aberto ou organizando a primeira xornada nacional de acceso aberto, que tivo lugar en xuño coincidindo coa publicación da Estratexia Nacional de Ciencia Aberta (ENCA), que foi presentada pola secretaria xeral do Ministerio de Ciencia e Innovación nese mesmo evento. Con todas estas iniciativas, remarca Rubio, o que se busca é “achegar ao noso persoal investigador o significado e vantaxes de publicar en aberto, ademais das obrigas impostas tanto a nivel europeo como a nivel nacional, no que se refire á modificación da Lei da Ciencia e a nova LOSU, no primeiro caso no artigo 37 -Ciencia abierta- e no segundo no artigo 12 -Fomento de la ciencia abierta y la ciencia ciudadana-”. 

De cara ao futuro, destaca a vicerreitora, tanto no marco Plan Estratéxico como das políticas do selo HRS4R, a institución seguirá a implementar “medidas que permitan cumprir o que agora nos marcan as leis e facilitar e impulsar a publicación en aberto”. Unha das apostas máis recentes consiste en “considerar cunha maior puntuación na produción científica aquelas publicacións que estean en acceso aberto. Seguiremos dando pasos nesa dirección, non só no que se refire ás publicacións en aberto, senón tamén a compartir datos, un camiño complexo que estamos agora iniciando coa elaboración dun protocolo nos centros CIGUS en colaboración coa Xunta de Galicia”.  

Dez anos en acceso aberto

No período de dez anos que vai entre 2013 e 2022, a Universidade de Vigo publicou 7464 documentos indexados en WOS e dispoñibles en acceso aberto, o que supón un 46% do total para esta serie, pero rexistrando un incremento constante cada ano. Así, mentres en 2013 se publicaron en aberto 382 documentos (27% do total), en 2022 foron 1424 (69%).

Os ámbitos temáticos nos que a Universidade de Vigo participou de xeito máis notorio no acceso aberto entre 2013 e 2022 son as ciencias da terra (56,71%); economía e estatística (56,13%); e física (55,65%). As revistas nas que máis artigos en aberto publicou a Universidade de Vigo nestes anos son Scientific Reports (108 artigos), Plos One (107) e Sustainability (104).

Como indica a vicerreitora, “o maior incremento nas publicacións en aberto na UVigo apreciouse a partires de marzo do 2021, cando se estableceron os primeiros acordos transformativos realizados coas principais editoriais, Elsevier, Springer, Willey, IEEE, etc. Estes acordos son contratos negociados entre as bibliotecas ou consorcios de bibliotecas e os editores que transforman o modelo actual de negocio da publicación de revistas académicas. Caracterízanse por usar os fondos tradicionalmente destinados ás subscricións (pagar para ler) a un novo modelo no que ademais de pagar por ler, inclúe o prezo de publicar en acceso aberto (Article Procesing Charges ou APC). É o que se coñece como Read & Publish. Neste caso o persoal investigador non tiña que pagar por publicar porque xa se facía cargo a Universidade no marco de estes acordos. Isto deu un impulso non só ás publicacións en aberto, senón tamén aos documentos que se colgan no noso repositorio Investigo, pois era unha das obrigas impostas ao persoal investigador para non pagar as APCs “.

Os documentos en acceso aberto reciben máis citas

Unha das formas de medir o impacto das publicacións científicas é o reconto de citas. Para este estudo elaborado pola Biblioteca Universitaria empregáronse tres indicadores calculados a partir do número de citas: a media de citas por documento, o impacto normalizado (CNCI) e a porcentaxe de citas recibidas polos documentos en acceso aberto. Os datos obtidos permiten concluír que os documentos en acceso aberto reciben de media máis citas que os documentos que non o están. Así, por exemplo, en 2022 do total de 7438 citas que recibiron os documentos publicados por investigadores da UVigo, 5199 corresponden a artigos en acceso aberto, polo que preto do 70% da citas corresponden a este tipo de documentos (69,89%).