(Normativa e recomendacións aprobadas no pleno do 14 de xullo de 2004, tras a recomendación feita pola Comisión Permanente na súa reunión do día 24 de maio de 2004).
Excepcionalmente, nalgún caso e previa proposta xustificada ao Consello Social, poderase admitir un prezo superior.
Nas titulacións propias da Universidade de Vigo os gastos de dirección e coordinación non poderán superar o establecido respectivamente para os complementos anuais de dirección e subdirección dos seus centros. Para os máster, especialista, cursos de formación etc. o total de gastos por dirección e/ou coordinación non poderá superar o 10 % do orzamento total do curso, e establecerase como tope máximo absoluto o de 6000 euros.
Toda titulación propia, máster ou curso debe presentar inicialmente un orzamento equilibrado. Dado o carácter orientativo do orzamento inicial, no caso de non acadarse os ingresos establecidos reduciranse os gastos na mesma proporción.
En todo caso, o 5 % do orzamento deberá destinarse a bolsas completas ou a matrículas con tarifa reducida, que se adxudicarán de acordo cos criterios do MECD.
As titulacións propias, másteres, cursos de especialista, cursos de formación e cursos complementarios deben autofinanciarse. Todos os cursos virán avalados por un centro de gasto que asumirá o déficit económico ocasionado pola posta en marcha e non inicio, ou por desfase orzamentario non previsto.
Antes de iniciar unha nova edición do máster ou curso, será necesario o informe positivo emitido pola Vicerreitoría de Posgrao e Formación Permanente respecto da memoria final da edición anterior.
A retribución das horas de titoría (non lectiva) non poderá superar o 60 % do prezo da hora lectiva.