Quen somos
O Centro de Linguas da Universidade de Vigo naceu en 2004 para atender as necesidades lingüísticas da comunidade universitaria (estudantes, PDI e PAS), aínda que está aberto a calquera persoa allea á institución maior de 16 anos que estea interesada en aprender idiomas ou acreditar as súas competencias lingüísticas nun idioma estranxeiro. O Centro conta con profesorado con titulación universitaria e especializado no ensino de idiomas.
Os cursos do Centro de Linguas adáptanse ás directrices do Consello de Europa en materia de niveis de lingua e procedementos de avaliación, segundo se especifica no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER). Por iso, os nosos certificados de acreditación de nivel adecúanse ao estándar de recoñecemento internacional.
No Centro de Linguas impártense cursos cuadrimestrais e intensivos de verán dos seguintes idiomas: alemán, árabe, chinés, español para estranxeiros, francés, inglés, italiano, xaponés, lingua de signos española, portugués, rumano e ruso. Asemade, ofrecemos cursos específicos de conversa, de preparación para exames oficiais (DELE, Cambridge), de Metodoloxía do Ensino de Español como Lingua Estranxeira, de lingua para fins específicos (enxeñaría, empresa), aos que se engaden outros cursos con características especiais convidos con diversas institucións académicas e profesionais. Tamén organizamos cursos a demanda.
A docencia impártese nos tres Campus da Universidade de Vigo: Vigo, Pontevedra e Ourense e en distintas facultades e centros asociados á Universidade.
Somos membros da Asociación de Centros de Linguas no Ensino Superior (ACLES) e de CERCLES (European Confederation of Language Centres in Higher Education).
Ademais, o noso Centro é sede examinadora oficial das probas de español do Instituto Cervantes: DELE (Diploma de español como lingua estranxeira).
O Centro de Linguas realiza tamén exames de acreditación de competencias lingüísticas, específicos para a comunidade universitaria (para alumnado que desexe participar nun programa de intercambio por acordo coa Vicerreitoría de Relacións Internacionais, ou para alumnado de posgrao que necesita acreditar un determinado nivel de competencia lingüística) e tamén para o público en xeral.
Os cursos do Centro de Linguas son recoñecidos con créditos de libre elección (das licenciaturas) ou ECTS (dos graos) da Universidade de Vigo, sempre que se cursen idiomas que non formen parte do plano de estudos o estudante.
Directora
Mª Dolores González Álvarez
Facultade de Filoloxía e Tradución
Campus das Lagoas, Marcosende
36310 Vigo (Pontevedra)
Teléf.: (+34) 986 812 250
Como chegar