DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres fíxose público o ránking de Shanghai por materias

A Universidade de Vigo sitúase como a universidade 15 do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos

A institución académica está entre os referentes internacionais en sete ámbitos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • HRS4R
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 27/10/2023

Este venres fíxose público o Global Ranking of Academic Subjects (GRAS) 2023, clasificación das mellores universidades do mundo en 55 materias de investigación elaborado por Shanghai Ranking Consultancy, responsable do ránking ARWU (máis coñecido como ránking de Shanghai). Nel, a Universidade de Vigo sitúase por primeira vez como a universidade número 15 do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos. En total son sete os ámbitos nos que esta institución académica se posiciona a nivel internacional entre as universidades referentes.  

O Global Ranking of Academic Subjects, constitúe, segundo os seus responsables “o ránking máis completo e obxectivo" das universidades do mundo por ámbitos de investigación, baseando as súas clasificacións nunha variedade de indicadores e datos para medir o desempeño de arredor de 5000 universidades de todo o mundo (das que finalmente arredor de 1900 figuran no ránking) en eidos relevantes, incluídos premios internacionais, logros científicos, calidade da investigación e colaboración internacional.

No GRAS 2023, no ámbito de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos a UVigo sitúase como a 15ª universidade do mundo, superando a posición do ano pasado, onde estaba entre as 75 referentes (no tramo 51-75). É a primeira universidade española e a segunda europea nesta listaxe. En Oceanografía mantense entre as 200 mellores universidades (no tramo 151-200) e en Ciencias Agrícolas e en Farmacia e Ciencias Farmacéuticas mellora a súa posición, pasando de estar entre as 500 mellores a estar entre as 300 máis destacadas (no tramo de 201-300). Tamén melloran os resultados respecto ao ano 2022 en Ciencias Atmosféricas e Biotecnoloxía, onde a UVigo se sitúa entre as 400 institucións referentes. Na primeira delas, en Ciencias Atmosféricas, volve ao ránking despois de estar fóra o pasado ano e na segunda, Biotecnoloxía, mellora os seus resultados, xa que estaba no tramo 401-500. Por último, a UVigo tamén ten presencia no GRAS 2023 en Ecoloxía, onde mantén a súa posición entre as 500 mellores universidades do mundo, estando no tramo 401-500.

Unha “gran satisfacción”

Na súa valoración do Global Ranking of Academic Subjects 2023, Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, subliña “a gran satisfacción polos resultados obtidos este ano”. Entre eles recalca como na categoría de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, “a Universidade de Vigo destaca entre as máis punteiras do mundo, coma vén sendo habitual nos últimos anos. Este resultado, xunto co posto acadado en Ciencias Agrícolas confirma o axeitado traballo e carácter de excelencia que está a facer o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA), con sede no campus de Ourense”. Igualmente, a vicerreitora sinala que “o Centro de Investigacións Mariñas (CIM), centro de excelencia da Xunta de Galicia recoñecido como centro Cigus, segue a súa senda de traballo exitosa e de aí o posto obtido na categoría de Oceanografía”.

No caso de Farmacia e Ciencias Farmacéuticas e de Biotecnoloxía, Belén Rubio apunta que “nótase a influencia dalgunhas das liñas de investigación do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO), tamén centro Cigus, así como doutras liñas nas que traballa o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx), con potencial para converterse proximamente en centro Cigus”. A Universidade de Vigo, sinala a responsable académica, “segue demostrando que nos ámbitos de investigación relacionados coas Ciencias Naturais e coas Ciencias da Vida, é una das institucións punteiras a nivel mundial. Agardamos que calquera destes centros acaden proximamente a categoría, a nivel nacional, de Unidade de Excelencia María de Maeztu”.