Ética na investigación na Universidade de Vigo

Ética e calidade

A Universidade de Vigo ten o firme compromiso de promover a ética e a calidade na investigación desenvolvida no marco da institución. Calquera investigación debe desenvolverse dentro dos límites establecidos polo ordenamento xurídico, entre os que destacan os derivados dos compromisos éticos asumidos pola comunidade científica e as normas deontolóxicas.

A Universidade de Vigo comparte o espírito da Declaración sobre a ciencia e o uso do saber científico da UNESCO, especialmente no relativo á necesidade de que a práctica da investigación científica e os seus resultados deben estar sempre encamiñados a lograr o benestar da humanidade, respectando a dignidade e os dereitos dos seres humanos e o medio ambiente.

Coincide tamén na necesidade de adoptar medidas axeitadas en relación cos aspectos éticos da práctica científica e o uso do coñecemento científico e as súas aplicacións. Ademais, a Universidade de Vigo está adherida ao European Charter and Code for Researchers, que inclúe a Carta europea do investigador (conxunto de principios e esixencias xerais que especifican as funcións, responsabilidades e dereitos do persoal investigador) e o Código de Conduta para a contratación do persoal investigador.

Para darlle cumprimento á lexislación vixente sobre os principios éticos que se deben respectar e consciente da súa responsabilidade ante a sociedade con respecto á investigación científica e á transferencia de coñecemento desenvolvida no seu ámbito, a Universidade de Vigo constituíu o Comité de ética na investigación (CETIC), que dispón de tres comités independentes.

A mentora ética é a persoa titular da Inspección de Servizos e nela recae a responsabilidade ética da universidade. Participa con voz e voto no CETIC e, como o seu propio nome indica, debe velar pola ética na Universidade de Vigo. Ten, entre as súas funcións, informar dos procedementos referidos a condutas afastadas da ética necesaria e esixible na investigación.
 

  • Guía de boas prácticas en investigación na UVigo aprobada polo Consello de Goberno o 20 de marzo de 2018) (gl | en)
  • Recomendacións éticas para investigar na Universidade de Vigo (gl | en)
  • Protección de datos


Con respecto á calidade na investigación, a Universidade de Vigo traballa con distintos programas que dan soporte á estratexia investigadora e de transferencia de coñecemento.

Os programas neste ámbito están orientados á mellora da calidade do persoal investigador, á dos centros de investigación e á dos laboratorios de ensaio e calibración para potenciar as capacidades organizativas e prestar servizos públicos punteiros na investigación científica.

A calidade na investigación

 

Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación
Edificio Filomena Dato
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 597
vicinv@uvigo.gal